Friday 19 de April de 2024

O Concello da Pobra oferta o Programa Muller TIC


A Casa da Mocidade pobrense albergará do día 1 ao 4 de decembro o Programa Muller TIC, unhas xornadas formativas dirixidas a mulleres na busca de emprego. Así o desvelaron a concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), e a orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez.
A edil Amparo Cerecedo explicou que esta acción se focaliza "na busca de emprego a través da utilización das novas tecnoloxías." Neste senso, convidou a que tódalas veciñas desempregadas da Pobra se anoten, pois, segundo manifestou, "son momentos que temos que aproveitar para formarnos."
Pola súa parte, a orientadora laboral, Blanca Álvarez, sinalou que "a idea é que a formación sexa en si mesma unha ferramenta para a busca de emprego das participantes", xa que no transcurso das xornadas procederán a se dar de alta en diferentes portais web e ETT da zona para favorece-la súa inserción no mundo laboral.
Dúas das participantes terán a ocasión de realizar actividades de mentoring, consistentes no asesoramento no plan de empresa e seguimento de quen desexe emprender un novo labor.
Así mesmo, haberá unha xornada de orientación laboral en que se verá o sistema de cualificacións profesionais, como funciona a oficina de emprego estatal e diferentes accións de autocoñecemento persoal e profesional.
O horario establecido é de 09.30 a 13.30 horas, seguindo a modalidade mixta (16 horas presenciais e 4 horas de teleformación). As persoas interesadas pódense inscribir a través do teléfono de contacto 981377610. As prazas son limitadas e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.
Este proxecto enmárcase na Red Araña e está cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.